CRÓNICA DA PRIMEIRA XORNADA DE COMPETICIÓN NO FÚTBOL BASE
Á espera do acto de inauguración oficial do novo céspede do Campo de Fútbol Municipal de Gallamonde, no que participará o noso primeiro equipo e do que informaremos en próximas datas, esta fin de semana estreamos o novo tapete en competición, con motivo da disputa da primeira xornada de liga nas categorías de fúbol base, á que asistiron representantes da corporación municipal do Concello de Miño, acudindo á xornada do venres o Concellal de Deportes, D. José Manuel Pantín Morado, e á xornada dominical o propio Alcalde, D. Manuel Vázquez Faraldo, ós que agradecemos a súa presenza nestes partidos.
Xa no eido deportivo, esta primeira xornada deparounos moitas emocións e sortes dispares en canto ós resultados finais para os nosos equipos, con unha vitoria (acadada polos xuvenís), un empate (obtido polos cadetes) e unha derrota (a dos infantís), nos 3 partidos disputados en Gallamonde. Os equipos das categorías alevín e benxamín non competiron, dado que tiveron xornada de descanso.
Abría a xornada a categoría Infantil, no partido disputado o venres día 9 de Abril ás 17:45h, que nos enfrontaba ó Galicia de Caranza-B. O encontro tivo moitas alternativas no marcador, xa que remontamos un 0-1 adverso nada máis comezar o choque, poñéndonos por diante no marcador cun 2-1 xa no segundo tempo, para ó final acabar sucumbindo nas postrimerías do partido, nunha xogada desafortunada que rematou en gol en propia porta a falta de tan só 2 minutos para o remate do encontro, e que deu lugar ó 2-3 definitivo.
Na xornada dominical, do 11 de Abril, tiveron lugar outros 2 partidos en Gallamonde, enfrontado o primeiro deles, ás 10h, ós nosos cadetes, contra os do Narón O Freixo-B, que nos ofreceron un encontro moi igualado, que se víu reflexado no marcador final de 1-1, tras conseguir o noso equipo igualar, no minuto 57, o gol acadado previamente polo equipo rival no último minuto do primeiro tempo. A emoción mantívose ata o remate do partido posto que, xusto antes do pitido final, o noso porteiro detivo un penalti sinalado na última xogada do choque.
Xa no último partido da xornada deste domingo, que se disputou ás 12h, chegou por fin a ansiada e merecida vitoria, acadada polos nosos xuvenís diante dos do Narón O Freixo. Vitoria que xa empezou a fraguarse moi cedo, cun gol no minuto 8 da primeira parte, o que nos permitíu ir todo o encontro por diante no marcador, ata o remate do mesmo co resultado final de 3-1, que nos coloca como líderes provisionais da categoría despois desta primeira xornada.
Destacar a gran afluenza de público rexistrada nestos 3 encontros, así como agradecerlles o seu comportamento responsable, respectando en todo momento as normas establecidas para a prevención da COVID-19.
Agardamos con impaciencia e ilusión a chegada da seguinte xornada e deixamos á vósa disposicion información completa de tódalas competicións, nas súas diferentes categorías, a través desta mesma páxina web, no apartado de «Horarios, Resultados e Clasificacións»: http://admiño.es/horarios-resultados-e-clasificacions
#EnOndaCoMiño